O encoro do Yesa foi construído sobre as augas do río Aragón, un dos afluentes do Ebro, no ano 1959. Agora a Administración española prentende recrece-la presa ata tripica-la capacidade. O proxecto xa aprobado ten adxudicada a construcción, a pesar da forte oposición dos tres municipios afectados que denunciaron ante a Xustiza as supostas irregularidades do plan. Se os tribunais non o remedian coa obra conformarase un xigante de 1.500 hectómetros cúbicos e aumentará 38 metros a parede que contén as augas do río na actualidade. Con isto quedará asolagado o núcleo urbano de Sigüés e os concellos de
Artieda e Mianos posiblemente verán minguada a súa poboación, que terá que emigrar ó non poder seguir explotando as terras de cultivo, tamén asolagadas.
No aspecto ambiental inundarase gran parte da Foz de Sigüés, un espacio que está protexido por Decreto da Deputación de Aragón e proposto como Lugar de Interese Comunitario. A Foz é un refuxio de especies vexetais mediterráneas que acadan neste lugar o seu límite setentrional na península. Desaparecerían así mesmo 771 hectáreas de vexetación, gran parte dela de ribeira.
As augas rematarán tamén con 22 quilómetros do Camiño de Santiago e con importantes bens de patrimonio artístico, como igrexas medievais ou filóns arqueolóxicos e necrópoles romanas.
Nos dous últimos anos o rexeitamento social ó recrecemento de Yesa foi en aumento. Manifestacións, paros e xaxúns voluntarios non conseguiron polo momento dete-las intencións do Goberno.
Recentemente, a Asociación Pública para a Defensa do Patrimonio Aragonés presentou unha denuncia referida ós danos causados no Camiño de Santiago ante a Fiscalía de Zaragoza. A Asociación Río Aragón tamén denunciou atentados contra o patrimonio acusando directamente a Confederación Hidrográfica do Ebro e o Departamento de Cultura do Goberno aragonés.
O Concello de Artieda, pola súa banda, tentou de consegui-lo apoio da Unesco nas súas reivindicacións. Así, pediu que o tramo ameazado do Camiño de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade, fose incluído na lista do Patrimonio Mundial en Perigo. O Concello asegura, sen embargo, ter coñecemento de que os informes requiridos pola Unesco ás autoridades compententes en materia cultural "foron parciais, faltos de rigor científico e cun obxectivo pretendido: concluí-la bondade do proxecto''.